Nace en Baracaldo (Bizcaia) en 1966. Iníciase nos estudos de gaita aos sete anos, no Centro Galego de Llodio (Álava) e na Casa de Galicia de Bilbao, onde o seu pai era mestre gaiteiro.
Con tan só nove anos, cadrando coas vacacións de verán, acompaña a “Os Brisas da Coruña”, “Xiada”, e “Os Tempranos de Eirís” nas festas do San Roque de Betanzos e na romaría dos Caneiros, aprendendo gran parte dos seus repertorios. Aproveita tamén para iniciarse no toque tradicional de tambor da mau de Manuel Ambite.
En 1980 toca na fase final do I Certame de Gaita organizado pola Agrupación Toxos e Xestas de Barcelona. Tamén participa cos Gaiteiriños da Coruña no Festival Intercéltico de Lorient, repetindo esta grata experiencia no 1984 e tocando ademais no Festival Internacional de Concarneau.
Dende os quince anos imparte cursiños de gaita e percusión tradicional en distintos Centros Galegos do País Vasco e axuda á formación de varios grupos de danza, sendo nomeado socio de Honra do Lar Galego de Pamplona polo seu labor a prol da nosa música e folclore.
En xullo de 1985 participa como alumno no Curso de Instrumentos Musicais e Danza en Galicia, organizado pola Consellería de Emigración.. Dende o 1986 ao 1989 cursa estudos de solfexo, percusión e canto coral no conservatorio vizcaíno Juan Crisóstomo de Arriaga. No ano 1988 participa como gaiteiro co grupo “Xacarandaina” de A Coruña, no Festival Internacional de Dax (Francia); e dous anos mais tarde faino co grupo “Lembranzas” no Festival dos Pobos Ibéricos en Almería.
Unha vez acadada a licenciatura de Económicas na Universidade do País Vasco, fixa a súa residencia en A Coruña, formando e dirixindo varios grupos e bandas de gaitas: “Treboada” de Curtis, “O Xico” de Oza dos Ríos e “Monte Medela” de Cesuras.
En febreiro do 1994 pasa a formar parte do Ballet Galego Rei de Viana como gaiteiro e percusionista, e posteriormente do Grupo de Música Tradicional do IGAEM (hoxe AGADIC), actuando en Santiago de Chile, Bos Aires, Montevideo, Palestina, Bruxelas, París, Utrech (Holanda), Trier (Alemania), etc.; sin esquecer outras moitas actuacións en cidades e vilas de Galicia, España e Portugal.
En 1996 participa como alumno nos cursos de gaita galega organizados polo Concello de Ortigueira i polo Mosteiro de Santo Estevo, sendo mestres Xosé Manuel Budiño e Iván Area, respectivamente. En 1997 participa no Curso “O feito diferencial galego na música” celebrado no Museo do Pobo Galego.
No 1999 colabora como percusionista na gravación “De Galicia ao ceo”, do violinista Antonio Seijo, e no ano 2000 como gaiteiro e percusionista na gravación de “Ialma, palabras darei”, das cantareiras do Centro Galego de Bruxelas. Asímesmo no ano 2001 grava co Grupo de Música Tradicional do IGAEM “Alba de Abril” e no 2004 “Por ir ao baile” tocando en ámbolos dous CDs: gaitas (sib,do,re), frautas de pico, pandeireta e tamboril.
No ano 2001, realiza as actividades e prácticas correspondentes ó Curso de Aptitude Pedagóxica, na Universidade de A Coruña e dende o 2003 cursa no Conservatorio Profesional de Vilalba (Lugo) o Grado Medio de Gaita, acadando o título en xuño do 2006.
No 2009 publica coa colaboración da Excma. Deputación de A Coruña e do Concello de As Pontes o libro “Gaifonía” de obras para gaita, orquestadas para banda de música polo director Joan Bautista Bernat. Na actualidade, ademáis de seguir traballando como Mestre Gaiteiro da AGADIC impartindo talleres de gaita e dando concertos didácticos nos CEIPs de A Coruña, é músico colaborador de varias agrupacións musicais: cuartetos, bandas de gaitas, coros galegos e bandas de música.